Friday 17 de May de 2024

O Concello inicia o luns as obras de reurbanización das rúas Compostela e Cortaduría


As actuacións na rúa Compostela, cun prazo de execución de seis meses, permitirán gañar 3.500 metros cadrados para os peóns, e dotarán á vía de árbores de gran porte

En Cortaduría substituiranse as canalizacións e renovarase completamente o firme con lousas de pedra

O Concello comezará as obras das rúas Compostela e Cortaduría o luns, 14 de febreiro. Así avanzou hoxe a alcaldesa, Inés Rey, que sinalou que estes traballos buscan a consecución dunha cidade máis amable e de maior calidade para a cidadanía.

A humanización do espazo público forma parte das políticas do Goberno municipal de Inés Rey de mellora do espazo urbano para uso da cidadanía. O investimento na rúa Compostela,cun proxecto dos arquitectos Carmen Calatayud e Xosé Manuel Vázquez Mosquera, é de preto dun millón de euros e o seu prazo de execución é de seis meses. A rúa Compostela pasou a ser peonil no Nadal de 2019 de maneira provisional. Tras o éxito acadado coa medida, o Goberno municipal retomouna no verán de 2020. Trátase, ademais, dun dos corredores verdes recollidos no Plan Xeral de Ordenación Municipal do 2013. O obxectivo desta actuación definitiva é o de gañar espazo para o uso e gozo da cidadanía, potenciar o
carácter comercial da vía e dotar de novo arboredo e zonas verdes ao corredor que comunica os xardíns de Méndez Núñez co parque de Santa Margarida.

O ámbito de actuación é de aproximadamente 3.500 metros cadrados nas rúas Compostela e Ferrol, entre a praza de Mina e a praza de Galicia. O proxecto divídese en tres tramos. O primeiro supón gañar completamente o espazo para o peón entre a praza de Mina e Picavia tramo no que irán sete tileiros de gran porte, firme de granito e bancos. O segundo tramo supón manter entre Picavia e Padre Feijoo un carril de circulación executado en lastros de pedra no sentido actual, gañando o resto da superficie para uso peonil e colocando setetileiros. No último dos tramos, na rúa Ferrol, entre Padre Feijoo e a praza de Galicia, suprimiranse as zonas de estacionamento na beirarrúa dos números impares, mantendo un único carril de circulación en formigón e unha zona de aparcadoiro e carga e descarga na zona de pares. No espazo gañado para uso peonil colocaranse seis tileiros máis.

Por outra banda, adoptarase unha composición xeométrica octogonal delimitada por xardineiras e bancos nos cruzamentos de Compostela con Picavia e Padre Feijoo. Ademais, colocaranse outras 20 árbores este espazo.

A humanización da rúa Compostela enmárcase dentro do plan municipal Coruña Camiña, no que xa se executaron 40 actuacións nos distintos barrios da cidade. Desde o 2019 gañáronse máis de 35.000 metros cadrados para o uso peonil, superficie que seguirá a aumentar nos vindeiros meses.

Traballos en Cortaduría
Por outra banda, tamén comezarán o luns os traballos de mellora da rúa Cortaduría, na Cidade Vella. As obras, cun orzamento de 206.074,38 euros, teñen un prazo de execución de catro meses.

Os traballos, deseñados cun proxecto do arquitecto Juan Pinto Tasende, afectarán a un total de 464 metros cadrados e teñen como obxectivo resolver as deficiencias detectadas na análise realizada tanto do estado actual dos pavimentos como dos servizos existentes. A rúa atópase na actualidade con tramos de lousas de pedra e outros formados por callaos sobre morteiro.

Estes traballos suporán a derruba de todo ese firme, almacenando as lousas retiradas para futuros usos, e urbanizando toda a rúa con novas lousas de pedra. Conservarase a sección actual, reproducindo as franxas de pedra e substituíndo as franxas de callao por outras de enlousado de pedra. Reproducirase tamén o debuxo das franxas para conservalos no novo pavimento. Será, polo tanto, una actuación moi delicada e minuciosa.

Ademais, realizarase unha mellora do abastecemento coa substitución de tubaxes, unha mellora do saneamento, o soterramento das liñas de iluminación e da rede eléctrica e a instalación de canalizacións das compañías telefónicas e de Gas Natural.